Sunday 19 de May de 2024

Cambre lanza unha campaña nos CEIPS para capturar ás vespas raíñas velutinas


O obxectivo é divulgar estratexias para capturar ás vespas raíñas da especie velutinas, que están a piques de saír da súa hibernación para construír os seus novos niños

O Concello de Cambre e en particular o Servizo de Emerxencias e Protección Civil lanza unha campaña nos centros educativos de Primaria co obxectivo de divulgar estratexias para capturar ás vespas raíñas da especie velutinas, que están a piques de saír da súa hibernación para construír os seus novos niños.

A campaña “Obxectivo Captura Raíñas” céntrase nun díptico que se distribuirá polos cinco CEIPS de Cambre e no que se especifica o proceso de elaborar unha trampa caseira con produtos que podemos atopar nas nosas neveiras como froitas, vinagre, vermú ou cervexa. Así mesmo, o díptico explica a preparación da trampa (cunha botella de plástico), a brebaxe que se introduce na mesma e o modo de colgala nunha árbore, alpendre ou soportal, por exemplo.

O concello de Cambre é un dos municipios galegos máis afectados por esta praga invasora que pon en risco ás especies autóctonas de vespas e abellas, e que pode causar un impacto nefasto no medio ambiente. Durante o comezo da primavera as vespas raíñas desta especie saen da súa hibernación para formar os seus niños, son as únicas que o poden facer, polo que é de vital importancia impedir que estas raíñas logren o seu obxectivo.

Segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, María Vázquez, o obxectivo desta campaña nos colexios é capturar o maior número de avispas raíñas posibles para evitar que continúe a súa proliferación polo municipio e pola comarca. “Queremos sumar ás nosas trampas, ás dos profesionais do servizo municipal, as dos particulares porque deste xeito a captura destes insectos, letais para o medio ambiente, será maior”.